Baldaio é praia, lagoa e marisma. Un areal no que respirar fondo e acougar, en contacto coa natureza. É, de feito, un dos humidais máis importantes de Galicia e zona de especial protección ambiental.
O mar adéntrase na terra e mestúrase coas augas doces que chegan dos ríos da zona. Créase así un espazo, a marisma, moito máis fértil que calquera terreo de labranza.
A barra de dunas, que une Baldaio a Razo, prolóngase ao longo de tres quilómetros. As e os carballeses gustan de completar o día de praia percorrendo a pé, coas ondas acariñando os pés, esta extensa zona de areal. Antigas como o máis prezado dos nosos monumentos, algunha destas dunas está xa fosilizada.
As lindes entre a marisma e a lagoa son lugar privilexiado para poder observar a gran variedade de aves que teñen en Baldaio o seu hábitat cotiá ou lugar de descanso ou destino na súa travesía migratoria.
Á entrada da lagoa foi construído un punto de observación ornitolóxica, onde poderás observar, sen que se decaten da túa presenza, o día a día destas aves, en pacífica convivencia co traballo das mariscadoras. Tamén tes a opción de sumarte aos roteiros ornitolóxicos que se organizan na zona.