IGREXA
Os arquitectos que traballaron na igrexa foron o portugués Mateo López, que se encargou das primeiras trazas; o granadino Bartolomé Fernández Lechuga, que constrúe a magnífica cúpula nervada e organiza o espacio interior conseguindo unha grande maxestosidade; o salmantino Peña y Toro, que se encarga das obras de contención pois cederan os muros e, finalmente, frei Tomás Alonso e frei Gabriel Casas, con distintas contribucións na fachada do mosteiro, claustros, campanario e dependencias monacais. Sobre a porta desprégase unha vistosa fachada plateresca. Presiden na parte central, entre a porta e o óculo, a Virxe, San Bieito e San Bernardo, mentres que no frontón que coroa a portada está San Martiño repartindo a súa capa cun pobre. As torres érguense só ata a altura da fachada, debido á oposición do cabido catedralicio, temeroso de que a basílica perdese visibilidade. Para vencer o desnivel do terreo, o beneditino Plácido Camiña construíu a fermosa escaleira de acceso á porta, sen dúbida inspirada na que dá acceso á catedral desde a fachada do Obradoiro. O templo posúe planta de cruz latina con tres naves no brazo principal e unha no transversal, percorridas por unha balconada.
MOSTEIRO
O mosteiro é de grande sinxeleza e frialdade de liñas, só interrompidas pola fachada, á que se accede por unha grande escalinata. A fachada divídese en tres partes cun eixe central flanqueado por dous grandes lenzos de catro pisos. A torre de cinco corpos contribúe a romper a monotonía da fachada. A portada enmarcada por severas columnas dóricas, acolle a San Bieito, rematando coa estructura engadida por Fernando de Casas na que está o escudo de España entre vieiras e a figura de San Martiño de Tours. Dentro do mosteiro atópanse o claustro das oficinas, o máis primitivo e o claustro procesional.