O Barco é a capital comarcal de Valdeorras e é ademais o centro comercial e de servizos. A vila ten a aparencia dunha pequena cidade  con edificios de ata nove pisos de altura no seu centro urbano e, se nos mergullamos nas súas rúas, sorprenderanos  a atarefada vida comercial da vila.

O Barco é un tesouro escondido entre o río Sil e as montañas máis altas de Galicia: Pena Trevinca e Cabeza de Manzaneda. É a entrada natural a Galicia desde a meseta, e tamén é unha terra de paso desde antigo. Xa hai dousmil atravesaba estas terras  a Vía Nova ou Vía XVIII feita polos romanos para unir Braga con Astorga e así transportar ata Roma o ouro extraído na contorna.

En canto á economía, a minería segue a ser de vital importancia na comarca  aínda que xa non é o ouro senón a louxa, a que se extrae en minas a ceo aberto sendo a principal fonte de riqueza. A elaboración de viños, acollidos á D.O. Valdeorras, é outro dos sectores económicos máis importantes en Valdeorras. O godello, un viño branco coñecido en todo o mundo, ten a súa orixe nestas terras pizarrosas acadando aquí o seu maior esplendor e sabor.

Por estas terras pasa o Camiño de Inverno, que naceu como unha alternativa ao Camiño Francés desde Ponferrada para evitar os cumios nevados do Cebreiro. É percorrido oficial do Camiño de Santiago desde a súa oficialización en 2016 e está a ser unha opción cada vez máis utilizada polos peregrinos que o definen como unha experiencia natural e sensorial inigualable.

As rúas do Casco Vello do Barco foron trazadas seguindo o curso do Sil e deitan sobre o río galerías e balcóns nunha estampa para a contemplación. A Praza Maior, facendo un triángulo coa igrexa de San Mauro no vértice, ábrese cara o río ao antigo embarcadoiro do Porto da Barca, que recorda cando había que cruzalo río Sil en barca ata a construcción da Ponte de San Fernando en 1903.

O Barco comezou o seu maior desenvolvemento urbano coa construcción do ferrocarril ao seu paso pola vila en 1883 e actualmente conta con algo máis de 13.000 habitantes.

Hoxe O Barco é unha vila dinámica e moderna, cunha ampla oferta comercial e de servizos, de lecer, cultural e gastronómica.

Vén a visitala!