Ourense é coñecida polas súas augas: as do río Miño, que cruza a cidade, e as augas termais. Os mananciais máis famosos son os das Burgas, onde hai máis de dous mil anos asentaron as lexións romanas, fundando a antiga cidade. Os romanos foron tamén os constructores da Ponte Vella, un paso estratéxico sobre o Miño que hoxe segue en pé e é o símbolo da cidade.
Os mananciais das Burgas, xunto coa Praza Maior e a Catedral de San Martiño, son os principais monumentos de Ourense. Atópanse todos no seu Centro Histórico, a antiga cidade medieval de rúas estreitas e pequenas prazas con fermosas fontes. A Praza Maior é singular por estar inclinada. A cidade vella está chea de sitios onde probar petiscos e tapas, especialmente o polbo, que aquí se come tódolos domingos.
As marxes do río Miño son moi visitadas por acolleren a maior parte dos espazos termais de Ourense, piscinas de augas mineromedicinais construídas en pedra nas que se pode gozar dun baño quente en contacto coa natureza en calquera momento do ano. A área coñécese como Ruta Termal do Miño, e alén das augas, o lugar destaca por ser unha grande zona verde dominada polo bosque de ribeira, fogar de aves, anfibios e pequenos mamíferos.