O concello de Culleredo, intégrano once parroquias. Está drenado polos ríos Valiñas e Trabe e bordeado polo río Mero que desemboca na Ría do Burgo. A ría do Burgo, é un enclave de indubidable interese ornitolóxico e un dos espazos naturais destacados do municipio xunto co Monte Xalo.
No paseo marítimo que bordea a ría do Burgo sitúase o Xardín Botánico do Burgo e a Aula de Natureza «Juan Lembeye Lartaud”. Por él transcorre unha parte do trazado do Camiño Inglés de peregrinación a Santiago de Compostela.

Situado nun lugar estratéxico da área metropolitana da Coruña, Culleredo dispón dunha densa rede de comunicación viaria como a autoestrada AP-9, a autovía A-6 ou a estrada N-550. As liñas de ferrocarril a Santiago de Compostela, Madrid e Lugo cruzan o noso municipio e o aeroporto de Alvedro está en Culleredo.

O territorio conserva vestixios que testemuñan a antigüidade e continuidade do poboamento: túmulos megalíticos que nos trasladan a hai máis de 5000 anos; castros da Idade de Ferro; monumentos medievais como a torre de Celas, os muíños de Acea de Ama ou as igrexas románicas do Burgo, Rutis, Culleredo e Celas ou a ermida de Santo Cosme en Sésamo. Á época medieval tamén pertence a ponte do Burgo, testemuña de acontecementos bélicos como a Invasión inglesa de 1589 ou a Guerra de Independencia de 1809.

Belísimos pazos, casas e quintas de veraneo fálannos da importancia, que en época moderna e contemporánea, tivo o noso municipio como espazo residencial e os edificios asociados a industrialización, recórdánnos á intensidade da actividade industrial que coñeceu Culleredo no século XX.