A cidade experimentou unha transformación radical coa reforma urbana iniciada en 1999 coa peonalización do Centro Histórico. A partires de entón foi estendéndose ao conxunto da capital para mellorar a calidade urbana.

O cambio foi producíndose segundo un modelo que retira espazo aos automóbiles para ganar espazo público para dedicar a outras actividades relacionadas coa convivencia e a sociabilidade. Así, promóvese a mobilidade natural (especialmente a peonil) en detrimento da motorizada.

Recupéranse así as rúas e prazas como lugar de encontro entre a cidadanía sobre a base do dereito fundamental ao espazo público, redúcese a emisión de gases de efecto invernadoiro, atállase a violencia viaria, xeneralízase a accesibilidade universal, intégranse as bicis sen espazos segregados, promóvese o consumo de proximidade e a economía circular, todo cunha enorme participación social.

Grazas ao novo modelo, a cidade comeza a darse a coñecer no mundo como referente de calidade urbana apoiado en numerosos premios internacionais recibidos en Bruxelas, Dubai, Nova York, Hong Kong, entre outros.  A aposta pola cidade como un espazo de alta calidade é o principal referente da capital nesta época.