A torre de Celas ou de Vinseira, sitúase nunha contorna privilexiada, aos pés do Monte Xalo, dominando o val de Veiga. É o que se conserva dunha antiga fortaleza defensiva e o único monumento declarado BIC (Ben de Interese Cultural) do noso municipio.
Aínda que determinar a data exacta da súa construción é difícil, posiblemente foi erixida no século XIV. A primeira documentación na que aparecen referencias á torre é un litixio do ano 1395 entre o seu propietario, Martín Becerra, e o concello da Coruña. A torre achábase no roteiro A Coruña-Santiago e Martín Becerra, señor desas terras comezou a cobrar peaxes polo paso de mercadorías e transeúntes. O preito sáldase favor da cidade da Coruña e obriga a Becerra a destruír todas as edificacións defensivas.
Encostado á torre existiu un pazo, propiedade diferentes familias nobres da zona e do que hoxe só se conservan os seus escudos trasladados ao pazo de Anceis, no municipio veciño de Cambre.
A torre é un edificio exento de planta cadrada de 8×8 metros construído en granito. Presenta varias saeteras de estreita boca e amplo derrame interno que xunto coas trincheiras, elementos consistentes en aberturas desde as que se podía disparar sen poñerse en perigo, da parte superior denotan a súa función militar. Posúe tamén dúas xanelas máis amplas cuns bancos de pedra no interior e nunha das fachadas brasóns cos escudos da familia Andrade, dos Freixomil e outro escudo difícil de interpretar.
Foi restaurada no ano 1992 polos alumnos da Escola- Taller Ponte do Burgo e durante un tempo albergou un museo etnográfico.
Aínda que o seu interior non se pode visitar, se poderemos contemplar o monumento mentres paseamos polo amplo parque que o rodea, gozando no parque infantil ou planificando algunha dos atractivos roteiros de sendeirismo que arrincan nas súas proximidades.