Ribadavia nace tal e como a coñecemos hoxe no século XI, e cobra importancia, sobre todo, a partir de 1065 cando se cre que foi cando chegaron á vila os primeiros xudeus.

A existencia do barrio xudeu demostra a gran importancia que tivo o asentamento na Idade Media ata a expulsión decretada polos Reis Católicos no século XV.

Esta comunidade eran os verdadeiros defensores da economía da vila, que se dedicaban a todo tipo de traballos: avogados, médicos, comerciantes. O barrio, situado en pleno casco histórico de Ribadavia, está formado por rúas estreitas e recunchos escuros nos que se realizaron sucesivas obras.

Deste quedan algunhas casas blasonadas que destacan a beleza da pedra, principal elemento construtivo. Parece que en lugar dunha destas casas había unha antiga sinagoga, centro relixioso da comunidade xudía.