Deixando a un lado o pequeno xardín de San Roque, situado en terreos que pertenceron ao hospital e á capela do mesmo nome, chégase á antiga horta e cemiterio do convento dominico, rehabilitada como parque urbano segundo proxecto dirixido pola arquitecta galega Isabel Aguirre e o portugués Álvaro Siza.
Ao parque accédese polo estratéxico pasadizo que conforman as arquitecturas contrastadas de dous museos: o Centro Galego de Arte Contemporánea ‘CGAC-, de deseño actual obra do propio Siza, e o Museo do Pobo Galego, aloxado no que foi convento medieval.
Situado sobre unha ladeira que mira ao poñente, ofrece vistas sorprendentes dos tellados da cidade, ás que o artista Chillida dedicou unha escultura que encadra intencionadamente unha visión da cidade.
A actuación é un exemplo de perfecta adaptación á topografía e aos elementos preexistentes, que conxuga as onduladas formas da ladeira coa linearidade dos trazados xeométricos que definen os seus sendeiros e bancadas. Respecta a estrutura tripartita da propiedade monacal: horta, carballeira e cemiterio. A auga murmura en todo o paseo, con fontes, canais e pequenos alxibes.
O resultado é un espazo coidado, cunha gran calidade, un parque de sutil deseño contemporáneo que xoga coas perspectivas, moi aproveitado por composteláns e visitantes e marco excepcional de manifestacións artísticas.
O arboredo histórico completouse con novas especies, o que lle confire ademais un especial interese botánico, destacando a carballeira.