O parque esténdese ao longo da vaganta de Belvís: un espazo alongado constituído por prados polos que corre un pequeno rego. Os muros, as bancadas do terreo e as vías históricas -como a pintoresca calella das Trompas- respectáronse no proxecto deste parque.
Este ‘baleiro’ verde separa, e á vez relaciona, o recinto histórico coas grandes edificacións do convento de Belvís e do Seminario Menor, constituíndo unha especie de ‘foso’ natural da cidade medieval. Desde a súa parte máis alta gózanse vistas singulares de toda a cidade.