Celébranse dous mercados, os martes e os sábados, pero o primeiro afunde as súas raíces en 1744, cando o rei Felipe V, por mediación dun vilagarcián ilustre, Antonio José Mendoza e Caamaño, III marqués de Vilagarcía e vicerrei do Perú, concedeu un mercado franco para compensar a continua leva de vilagarciáns para a Armada. Desde entón, ese encontro de comerciantes e consumidores séguese celebrando. O sentido é distinto, pero a esencia mantense.

Sexa martes ou sábado, as rúas contiguas á praza de abastos péchanse ao tráfico, nunha superficie que abarca varios miles de metros cadrados, e convértese nun gran centro comercial onde é posible atopar de case todo: desde “restos de boutique” de calzado e vestido, como pregoan os feirantes, ata utensilios de ferraxería ou as máis variadas teas, pasando por embutidos e viños do país, flores e legumes das hortas próximas ou pans e sobremesas artesanais.

O bulicio exterior trasládase á praza de abastos, un singular edificio de 1929, situado ao pé do paseo do río do Con e xusto enfronte do conxunto histórico-artístico do pazo e convento de Vistalegre. Peixes e mariscos por unha banda, carnes galegas e embutidos artesanais por outro compiten con pans, queixos, meles e confeituras artesanais.

Nun edificio anexo, coñecido como praza “da verdura”, os visitantes atoparanse con outro espectáculo parecido, só que aquí os protagonistas son os produtos da terra. Decenas de pequenos produtores do propio municipio e dos lindeiros reúnense nunha explosión de cores e aromas únicos.