O Barco de Valdeorras celebra a Festa do Botelo a finais de xaneiro. É un evento festivo e gastronómico que organiza o Concello para exaltar o embutido máis singular da vila. Desde a primeira edición, en 2001, esta reunión gastronómica está precedida por un acto no que se realiza o pregón da festa por un recoñecido persoaxe que glosa sobre as experiencias do pregoeiro no Barco e sobre as bondades do produto. A cita serve tamén para homenaxear a algunha persoa da localidade que se distinguira pola súa dedicación á gastronomía local.
Co paso dos anos a festa creceu, e tamén o número de comensais que se achegan á Festa do Botelo, o que fixo necesario cambiar o lugar de celebración da comida oficial en varias ocasións. Nas últimas edicións, o Pavillón de Calabagueiros ten acollido cada ano a aproximadamente 1300 persoas para degustar un menú no que o botelo está acompañado de chourizos, cachelos, repolo e, como sobremesa, torta de roxóns ou bica galega. Tamén se celebran, no marco desta festa, as Xornadas Gastronómicas de Botelo e Cocido Valdeorrés nos restaurantes da contorna, onde quen o desexe pode reservar a súa mesa para comer botelo nos establecementos participantes ao longo de varias fins de semana de xaneiro e febreiro.
Un vello dito da vila di: “Do mar o mero, e do Barco o botelo” e baixo este lema degústase este singular produto, que está amparado baixo a Indicación Xeográfica Protexida “Botelo de Galicia” desde o ano 2009. A Festa do Botelo foi declarada Festa de Interese Turístico de Galicia no ano 2014.