O Museo Estanislao Reverter recolle, conserva e expón o legado deste destacado piloto de rallyes, impulsor do Rally de Ourense e un dos pais do automovilismo galego, falecido en 1991.

O Museo, organizado en dúas plantas, recolle a traxectoria deportiva de Estanislao “Lalao” Reverter, expoñendo parte dos fondos da fundación que leva o seu nome. Destaca a colección de trofeos e outros obxectos persoais (revistas, libros, etc.), réplicas en miniatura dos seus coches, cascos e obxectos doados por distintas persoas que mantiveron relación con Estanislao.

A planta alta fai un percorrido pola vida deportiva de Lalao desde os seus inicios en 1955 ata o seu último Rally de 1975: 54 vitorias absolutas en probas de distintas especialidades (rally, circuíto e montaña), 12 participacións no mítico Rally de Montecarlo, no que competiu como piloto oficial de Rover en 1966; e dúas vitorias no Rallye de España – RACE, naquel momento o máis importante do automovilismo nacional. Nestas salas, a través de fotos, trofeos, placas, regulamentos e medidores de percorrido, rodas dos seus vehículos, a maqueta restaurada por Marcial López do Circuíto Noroeste e material diverso, repásanse os vinte anos da súa exitosa traxectoria como piloto.

A planta baixa está dedicada ás outras facetas de Lalao: creador do Rally de Ourense e fundador da Escudería Ourense, impulsor de pilotos co seu equipo Reverter Competition e construtor do mítico Alpinche. Conta cun Goggomobil, trofeos, unha colección de coches en miniatura de vehículos que correu Estanislao, cascos de diferentes épocas, revistas, libros, traxes de competición e diversas distincións, entre as que destaca a Medalla de Prata ao Mérito Deportivo. Tamén conta cun espazo para albergar o mítico Alpinche unha vez restaurado.