A aula arqueolóxica amosa dende o método construtivo ata as maquetas dos principais tipos de dolmens (simples, corredores ou cistas), pasando polos elementos que conforman o monumento (dolmen ou anta e túmulo ou mámoa). O deseño do proxecto do museo é eminentemente didáctico, con audiovisuais e mesmo zonas de xogo pensadas especificamente para os máis pequenos da casa.
A aula arqueolóxica, situada xunto á recepción do Corgo e á sala de audiovisuais, ofrece aos visitantes información sobre os dous xacementos máis destacados desta época na comarca. Por unha banda, a concentración megalítica a ambos lados da Serra do Leboreiro entre Ourense e Portugal e, por outra, a incluída no circuíto megalítico do Val do Salas, que abrangue as parroquias de Maus de Salas e Requiás-Guntumil, en Muíños, con catro monumentos singulares como a Casiña da Moura, a Casola do Foxo e os monumentos M1 e M5 de Outeiro de Cavaladre.