O fermoso claustro de San Francisco, xoia do gótico galego, testemuña a existencia dun antigo convento na parte alta de Ourense, na aba de Montealegre. Fundouse no século XIV, logo do incendio que arrasou co primeiro convento franciscano da cidade, na actual Praza do Correxidor. A orde permaneceu aquí até o século XIX.

En 1843 o antigo convento transfórmase en cuartel de infantaría, que se mantería activo até 1984. O cambio de usos desencadea numerosas reformas. A máis significativa foi, en 1928, o traslado da cabeceira e fachada da igrexa até o Parque de San Lázaro, onde se mantén até hoxe. O claustro, aberto ás visitas, quedou así orfo.

Declarado Monumento Histórico-Artístico en 1923, o Claustro de San Francisco sobreviviu á súa azarosa historia conservando practicamente intacta a beleza dos seus 63 arcos, todos decorados con motivos vexetais, animais (reais e fantásticos) e humanos esculpidos na pedra. Aínda que se considera un claro exemplo de gótico galego, a influencia románica está moi presente.