Romántico cemiterio na parte alta da cidade, nas abas do Montealegre, vinculado ao antigo convento de San Francisco. Bañado pola luz desde o amencer até o solpor, co aroma dos loureiros e cipreses e a beleza dos seus mausoleos, lápidas e recunchos cativou a poetas e artistas ourensáns que atoparon aquí o seu último lugar de repouso. O disco San Francisco Express da emblemática banda de rock Los Suaves é unha homenaxe a este melancólico e elegante camposanto. Foi declarado Ben de Interese Cultural no ano 2000.