Encrucillada de camiños máis que praza, aquí celebrouse durante séculos o mercado de utensilios de labranza, quincalla e potes, costume que acabou dando nome a este recuncho. Aquí desemboca a rúa Santo Domingo, de animada vida comercial, e comezan as d’«Os Viños», a zona de tapeo por excelencia de Ourense.
De planta case triangular, está centrada por unha fermosa fonte que decoraba, antes da Desamortización, o patio do mosteiro de Santo Estevo de Ribas de Sil (hoxe parador nacional). Rodean a praza polo oeste soportais e construcións do século XV e, en fronte, o magnífico palacio que construíu a comezos do s. XVI don Juan Fernández de Boan y Landecho, cuxas armas campan na fachada.