O Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense ocupa o que foi Antigo Pazo Episcopal da cidade. Este edificio representa o conxunto monumental civil de estilo románico máis completo que se conserva en Ourense. En 1931 foi declarado monumento histórico artístico.

A estrutura deste antigo palacio-fortaleza é un fiel testemuño do desenvolvemento da cidade, e tivo un papel relevante na organización urbana medieval.

O edificio actual foi construído no século XII. Ao longo dos séculos sufriu modificacións e ampliacións que alteraron o seu aspecto xeral. Así engadíronse elementos góticos (torre de Santa María), renacentistas (galerías de xardíns), barrocos (como a fachada principal) e modernos (arcos da rúa Bispo Carrascosa).

O Museo Arqueolóxico, fundado en 1895, estableceuse definitivamente neste edificio en 1951. Para iso foi necesario acometer unha importante reforma do edificio segundo un proxecto do arquitecto Pons Sorolla, executado entre 1960-68. Actualmente, o Antigo Pazo Episcopal está de novo en obras para actualizar e ampliar as instalacións do Museo. Mentres, é posible visitar parte das súas coleccións na sala da Escolma de Escultura, en San Francisco.