As fontes termais das Burgas son un dos espazos máis emblemáticos e queridos na cidade, directamente ligado ás súas orixes. Visitalas é imprescindible para coñecer a historia de Ourense e entender a súa íntima relación coas augas: tocalas e sorprenderse.

É un dos tres «tesouros» que tradicionalmente se di da cidade: procede de acuíferos subterráneos a máis dun quilómetro de profundidade e mana a máis de 60º C

A traza actual das Burgas, declaradas Sitio de Interese Cultural no ano 2007, obedece a un longo proceso de obras e reformas levadas a cabo recentemente, e que hoxe permiten gozar deste espazo na súa plenitude: un punto de encontro coa historia e a memoria de Ourense e unha experiencia termal diferente que sorprenderá e namorará.

A zona divídese tradicionalmente en tres tramos: a fonte monumental ou «Burga de Abaixo» (s. XIX), a explanada central, onde se atopa a piscina termal, e a «Burga de Arriba» (s. XVII). Un paseo na zona superior permite gozar dos restos arqueolóxicos aquí atopados, onde destaca unha piscina-santuario do século I d.C., e conecta directamente co centro de intepretación arqueolóxico-termal.