Pequena praza situada no lugar coñecido na Idade Media como «Fonte Arcada», antigo emprazamento dunha das portas da cidade.
Unha fonte de moderna construción centra o espazo, coroada por unha escultura de temática infantil, obra de Antonio Faílde. Nun dos seus laterais está a capela que lle dá nome: Santos Cosme e Damián. Este edificio do século XVI alberga no seu interior un dos museos máis curiosos da cidade, o Espazo Expositivo Arturo Baltar e o seu Belén de Baltar: máis dun cento de figuras de barro cocido que recrean escenas tradicionais do mundo rural galego e o Ourense de outrora.
A capela foi mandada construír en 1521 polo mestre cirurxián Juan de Lareras en honra dos Santos Cosmede e Damián, patróns da profesión médica. A súa fachada, de estilo plateresco, remata en piñón triangular e nun lateral está un pequeno campanario.