O Castro de  Alobre é un dos máis importantes xacementos arqueolóxicos do noroeste peninsular. Áchase na parte alta dun promontorio coñecido como O Montiño e ao pé do mar, nunha enseada ben protexida. A esta posición estratéxica une o seu carácter urbano, o que lle diferencia tamén doutros moitos xacementos característicos do final da Idade do Bronce.

Alobre é, ademais, o berce da actual Vilagarcía de Arousa. De feito, o barrio fundacional, situado a moi curta distancia, aínda hoxe séguese a chamar O Castro. O recinto ten dous accesos principais. Un, desde a rúa Vistalegre, a través dunha escaleira e unha rampla situadas xusto despois de atravesar o arco-ponte que une o pazo e o convento de Vistalegre. E outro, desde o parque botánico Valdés Bermejo, coñecido desde antigo como O Castriño, o que inequivocamente relacionada as dúas zonas, o parque e o castro.

Alobre está actualmente en proceso de musealización, despois de varias campañas de escavación nas que se rexistraron máis de 20.000 achados, algúns de alto valor histórico, etnográfico e artístico que confirmaron, como era previsible, a importancia estratéxica e comercial deste asentamento, orixe da cidade actual. Segundo os investigadores, Alobre estivo ocupado entre os séculos I a. C. e III d. C, acadando o seu máximo apoxeo durante o imperio de Augusto e a dinastía Xullo-Claudia.