No medio de ambas, os areais da Concha e A Compostela, que, aínda carecendo dese distintivo, non só son os de maior extensión -ao pé do paseo marítimo e ao longo de case dous quilómetros– senón tamén os máis utilizados. E, por suposto, con todos os servizos de socorrismo, limpeza, lecer, etcétera. A Concha-Compostela teñen tras de si unha longa tradición como lugar de veraneo, primeiro pola existencia dun famoso balneario, “La Concha de Arosa”, que funcionou entre 1886 e ata a década dos sesenta do século XX nun espazo hoxe dedicado a xardín, ao comezo do paseo; e segundo pola apertura, en 1931, do parque da Compostela, tras a súa compra polo municipio, dando lugar á praia do mesmo nome. Ata os anos 90, cando se construíu o paseo marítimo, A Concha e A Compostela aínda tiñan os seus límites máis ou menos definidos; hoxe xa non, e especialmente desde as achegas de area a finais do século XX, recuperando en boa parte a imaxe daquela orixinal Arealonga.