Este miradoiro sobre o Cañón do Sil ofrece unha fermosa e amplia vista das ladeiras en bancais da Ribeira Sacra.

Situado na parroquia monfortina de Marcelle, a 15 km. de Monforte, a case 500 metros de altitude sobre as augas do Sil. Aos seus pés, o embarcadoiro de Ponte do Sil, no que se poden coller os catamaráns para as rutas fluviais que desenvolve a Deputación Provincial de Lugo.

Dende este enclave, obseramos as montañas tapizadas de mato de uceiras, entre os que se poden apreciar os imposibles viñedos plantados nos socalcos das ladeiras. No estrato arbóreo prodúcese un encontro entre dúas zonas climáticas. Así, nas ladeiras de sombría salienta a existencia de soutos de castiñeiros de certa entidade, mentres que nas ladeiras de soán predomina a vexetación de tipo mediterráneo con algúns bosquetes de sobreira e a presenza esporádica de aciñeiras. Polo río Sil penetra a influencia mediterránea marcada por xaras, plantas aromáticas (ourego, romeu ou tomiño) e o cultivo da vide e a oliveira.

É espazo dunha rica fauna onde atopamos porcos bravos, lobos, raposos, corzos ou londras. Tamén numerosos anfibios, réptiles e aves habitan aquí. As condicións climáticas particulares permiten que especies como patos e garzas pasen o inverno no Sil.

O Canón do Sil é catalogado Lugar de Importancia Comunitaria (LIC). Así mesmo, forma parte da Rede Natura 2000 de Galicia cunha extensión de 5.914 ha. Declarado no conxunto da Ribeira Sacra como Ben de Interese Cultural (BIC) coa categoría de paisaxe cultural.