Monumento Natural, un dos oito existentes en Galicia. Este bosque de 45.185 metros cadrados de superficie, conta con excepcionais exemplares de carballos e castiñeiros, algúns destes últimos conseguen os 30 metros de altura e 5 metros e medio de perímetro e están considerados os de maior taxa de crecemento de Europa.
Era propiedade da familia Quiroga, habitantes do pazo situado no lugar do mesmo nome, a poucos metros do bosque, polo que tamén é coñecido como “Fraga de Quiroga”, “Souto de Quiroga” ou “Carballeira de Quiroga”. No ano 1864 un dos descendentes desta familia casa con Emilia Pardo Bazán, quen máis tarde, quizais neste pazo, escribía algúns capítulos da súa obra “Os Pazos de Ulloa”.
A mediados do século XX a FAO (Organización das Nacións Unidas para a Agricultura e a Alimentación) reclamou a protección deste bosque. No ano 1998 pasou a ser propiedade da Consellería de Agricultura e Medio Ambiente, sendo declarada Monumento Natural no ano 2000.
É posible gozar do bosque percorrendo un carreiro circular sinalizado, de sinxelo e curto traxecto, só mil douscentos metros, equipado con paneis interpretativos.