Este parque era antigamente un punto defensivo reconvertido para o goce da cidadanía e dos/das turistas dende o ano 1999. Conta cunha extensión de máis de 90.000 metros cadrados nos que se poden realizar todo tipo de hobbies. Poderás desde voar unha cometa ata tombarte na herba ou contemplar o atardecer. Ademais, conta cun grande aliciente turístico que son as dúas pezas Vickers de máis de 17 metros de altitude que foron adquiridas en 1929 e instaladas en 1933.
Pero un dos atractivos principais do monte de San Pedro son as súas evocadoras vistas. Por unha banda observarás o océano Atlántico e a liña de costa ata Arteixo e as illas Sisargas que pertencen a Malpica de Bergantiños. E cara ao outro lado nun primeiro termo, a cidade e a costa Ártabra coa ría da Coruña, onde atoparemos Mera, Santa Cruz e a costa de Oleiros e nun segundo termo a ría de Betanzos, a ría de Ares, a ría de Ferrol e a costa ata o seu Porto Exterior. Terás que mirar o mapa para saber ata onde alcanza a túa vista!
Unha vez arriba tamén atoparás o único miradoiro cuberto de 360 graos de toda España, a Cúpula Atlántica.
No alto do Monte, presumindo de contorna e vistas, atópase o restaurante Estrela Michelín Árbore da Veira. Un espectacular espazo gastronómico que comparte tamén coa súa proposta máis informal, Taberna 5 Mares.