Un conto xaponés é un espectáculo para todos os nenos inspirado no conto A árbore, de Sophia de Mello Breyner, que á súa vez se inspira nun antigo conto xaponés. Unha matrioshka de contos que pasa así polas nosas mans para chegar aos teus sentidos.

Un conto xaponés narra a historia dunha árbore sagrada para os habitantes dunha pequena illa de Xapón e a relación do seu pobo coa natureza, a tradición e o legado dos seus antepasados. Tamén fala da impermanencia da vida e de como todo se transforma en todo o demais, para que o que agora desaparece poida alimentar o que está por nacer.