A Torre e Fortaleza do Castro, que xa contaba coa protección xenérica dos castelos españois do ano 1949 e que foi declarada Ben de Interese Cultural (B.I.C.) o 17/11/1994 coa categoría de Monumento, ano en que foi doada ao Concello do Barco de Valdeorras.
Tratase dunha construción medieval do século XIV que sufriu destrucións e reconstrucións parciais, posiblemente derivadas das revoltas irmandiñas, pasando a finais do século XV a propiedade dos condes de Rivadavia. Sufriu novas reformas no século XVIII para o seu uso como cárcere. Tras a supresión dos señoríos no século XIX, quedou desatendida, chegando a un estado de abandono e ruína.
No ano 2010, o Concello de O Barco iniciou os trámites ante o Ministerio de Fomento para a rehabilitación do monumento, con cargo ao 1% Cultural. Conseguida a súa aprobación por este organismo, as obras quedaron concluídas no ano 2013 cun orzamento de preto de 600.000 €, e con diversos campos de actuación:
As escavacións arqueolóxicas que se fixeron no entorno da torre descubriron as orixes bimilenarias do Castro: un grupo de cabanas que se superpoñen no tempo, aparecendo bases das primeiras chozas prerromanas de palla-barro e posteriores construcións de pedra circulares e rectangulares que responden a dúas fases de ocupación romana, (século I-II D.C. e III-IV D.C), sendo sobrepasadas posteriormente por construcións medievais e o propio castelo.
Consolidouse a torre medieval, mantendo o seu carácter romántico de ruína, investigando nos seus muros as diferentes fases e técnicas construtivas empregadas, e deixando á vista as referencias históricas de todos os descubrimentos. O edificio completouse con unha escaleira metálica de deseño actual, alternada con diferentes terrazas, que permiten tanto a contemplación da torre como as vistas do entorno.
A actuación integrase na trama do pobo, completándose con a urbanización dos accesos, a consolidación dunha cova baixo o camiño e a creación dunha praza xunto á torre onde se representa a pegada arqueolóxica do castro romano, formando un espazo público de gran harmonía que se converte nun espectáculo coa iluminación nocturna. O conxunto pode visitarse sen necesidade de guía, dado que conta con unha serie de paneis explicativos, que informan das características do monumento.
O edificio constitúe a cumbre paisaxística do conxunto do Castro, e pode observarse en diferentes itinerarios peonís desde O Córrego, Outarelo, Xagoaza e Tremiñá.