O río Anllóns nace na serra de Montemaior, atravesa o núcleo urbano dun extremo a outro e remata a carón do mar, entre Ponteceso e Cabana, na ría do Anllóns. En Carballo, as marxes do río foron recuperadas hai uns anos para o paseo e o lecer, desde o muíño do Quinto ata a veciña parroquia de Bértoa, e hoxe conforman un percorrido de aproximadamente sete quilómetros ida. . e volta, polas que adoitan pasear os carballeses no seu tempo de lecer.
Paseo urbano do río Anllóns
Un dos puntos máis atractivos da ruta é o Bosque de Añón, onde a vexetación típica de ribeira (ameneiros, salgueiros, freixos…) se mestura coas árbores máis emblemáticas, os carballos.
O bosque de Añón ten outro encanto engadido: evoca peregrinacións de antes e de agora. Cando a xente aínda non tiña o costume de acudir ás praias para refrescarse da calor do verán, o río era o principal espazo de lecer no verán. Alí, no bosque de Añón, aínda se celebra cada ano a Festa do Bosque, no remate do San Xoán.
Recoméndase visitar o refuxio de Queo e o muíño da Cheda, na veciña parroquia de Bértoa, sobre todo na primavera e no verán, cando a natureza volve encher de vida e cor estes dous pequenos ameneiros do Anllóns.
No refuxio do Queo, ao que se accede dende a estrada que vai de Carballo á Coruña, atoparás un espazo recreativo con mesas e bancos, ideal, como a zona do muíño da Cheda, para celebrar as festas do país. Nas augas do río, os afeccionados á pesca poderán atopar troitas e, en menor medida, salmóns e gallinetas.
Non moi lonxe de Carballo, no veciño concello de Coristanco, hai outro lugar de gran beleza xunto ao Anllóns, o refuxio de Verdes. As augas do río divídense alí en varios ramais, formando pequenos illotes unidos por pontes, e aínda podemos ver en pé varios muíños nos que, durante anos e anos, a auga arrastraba coa súa forza as moas de pedra para romper o gran.