Situada no Casco Vello de Vigo, é o edificio máis antigo da cidade. Trátase dun palacete urbano do século XV pertencente ao gótico tardío. Ten aspecto de torreón medieval e está construído con pedra de cantería. A decoración é sobria, e dela soamente destacan os linteis das fiestras que comunican coa praza. O edificio está coroado cun recolle augas e con gárgolas de pedra. Tamén figuran dous escudos, un deles coas armas pertencentes á familia Ceta e outro no que aparecen dous leóns.

Esta construción, xunto co edificio anexo, o de Pazos e Figueroa, é sede hoxe en día da Fundación Camões.