A Cultura Castrexa é unha manifestación cultural prehistórica, concretamente ubicada na Idade de Ferro, que se asocia aos Celtas e se caracteriza polos poboados fortificados tamén coñecidos como “castros”.
O castro da Cida é un exemplo dos primeiros poboados celtas de Ribeira. Este lugar tan estratéxico e privilexiado foi elixido fai máis de 2.500 anos polos celtas para establecer a súa comunidade castrexa.
Trátase dun asentamento de notables dimensións cunha privilexiada posición defensiva que data da primeira Idade do Ferro. O poboado estrutúrase ao redor dunha área elevada de forma ovalada cun segundo recinto, o antecastro, ao que da paso un terraplén polo Oeste e o Sur, mentres que polo Norte unha zona escarpada actúa como defensa natural.
As escavacións arqueolóxicas dos anos 2014 e 2015 deixaron ao descuberto un total de vintecatro estruturas moi diversas e máis de 600 pezas cerámicas ou metalúrxicas. Existen tamén restos dunha caseta-vixía do século XVIII de control marítimo. De feito, este enclave ofrece unha vista privilexiada da entrada da ría da Arousa e do Parque Natural do Complexo Dunar de Corrubedo e Lagoas de Carregal e Vixán.