Betanzos, situada no noroeste de Galicia, a 25 quilómetros da Coruña e a 62 de Santiago de Compostela, é unha cidade que conxuga historia, cultura e tradicións únicas. A súa localización na Ría de Betanzos, a carón dos ríos Mandeo e Mendo, foi fundamental dende a antigüidade, favorecendo o asentamento no Castro de Untia.

Antiga capital do Reino de Galicia dende 1219, Betanzos foi crecendo en importancia, destacando o seu porto como un dos máis importantes de Galicia, coñecido polo comercio da sal e o seu famoso viño, ademais de ser punto de partida dos peregrinos do Camiño Inglés. .

No século XIV, baixo o patrocinio de Fernán Pérez de Andrade, a cidade viviu o seu maior esplendor, coa construción das igrexas góticas de Santa María do Azougue e San Francisco, consolidando a Betanzos como capital do gótico galego.

O patrimonio de Betanzos vai dende a época medieval ata o modernismo, con portas, pontes e muros que invitan a explorar a súa historia. No século XIX, os irmáns García Naveira, despois do seu regreso da Arxentina, dotaron á cidade de diversas infraestruturas sociais, destacando o singular Parque do Pasatiempo, considerado o primeiro parque enciclopédico coñecido.

As tradicións de Betanzos reflíctense nas súas festas patronais de San Roque, onde se bota o globo de papel máis grande do mundo, e na Feira Franca Medieval, unha das máis singulares da comunidade.

A gastronomía local é outro dos seus atractivos, co famoso viño de Betanzos e a coñecida “tortilla de Betanzos”. Sen dúbida, son moitos os motivos para visitar esta cidade e gozar da hospitalidade da súa xente.