A Torre dos Andrade é un dos emblemas de Vilalba, o monumento que dá conta do seu pasado. Son os restos da antiga Fortaleza de Vilalba cuxo orixe data do século XI.
Logo dunha primeira parada na Torre dos Andrade o mellor plan é aproveitar para pasear polo seu casco antigo, onde tamén se atopa a Igrexa de Santa María.
De volta dun paseo polo casco antigo é interesante achegarse á Praza da Constitución, coroada pola Casa do Concello e ubicada xunto á Rúa da Pravia, na que se pode coñecer boa parte do comercio local e hostelería.
Para quen prefira os espazos naturais, conta cun paseo fluvial e literario que discorre xunto ao río Madalena, o Paseo dos Soños. Ao longo dos seus 3 km de lonxitude pódese coñecer a flora e fauna existente, aproveitando para desconectar e gozar da natureza. Un plan sempre acertado!
Se se comeza o paseo dos soños no Muiño do Rañego, remátase o percorrido na Ponte dos Freires, xunto á área recreativa de A Madalena. Un espazo natural con praia fluvial onde se ubican as piscinas exteriores e unha extensa superficie cuberta por árbores, perfecta para un picnic ou un ratiño de desconexión.
Suxírese unha visita con tempo e con ganas de coñecer os recunchos deste concello, que está formado por 29 parroquias distribuídas ao longo dos seus 380 km cadrados de extensión que o converten no segundo concello máis grande de Galicia. Nas súas parroquias tamén hai recunchos imperdibles como a Charca do Alligal ou o mirador do Monte Monseivane.