Os días 13, 14, 15 e 16 de xuño de 2024, un fenómeno máxico volve apoderarse de todos os recunchos de Lugo, a cidade máis antiga de Galicia, transformándoa por completo, enchéndoa de personaxes ancestrais que xa non deberían andar entre nós. Esta é a maxia do Arde Lvcvs, retroceder no tempo para gozar en primeira persoa do noso legado cultural e histórico. Mergúllate na vida de Lvcvs Avgvsti, cidade destacada e unha das capitais administrativas da Gallaecia romana, e percorre o seu recinto amurallado, onde poderás gozar dun pasado máis vivo que nunca.