O Caudal Fest é a última gran festa do verán galego. O evento musical, que naceu en 2018 impulsado polo Concello de Lugo, xa se atopa consolidado por méritos propios como un dos festivais máis importantes do noroeste peninsular. Neste 2024 encamíñase cara a súa edición máis grande e multitudinaria ata a data, cun cartel que ten como grandes protagonistas algún dos artistas máis demandados polo público a nivel nacional.

Así, un ano máis o Caudal Fest traerá á cidade de Lugo a un gran número das xiras máis importantes do país, con artistas e grupos como Amaral, Viva Suecia, Mikel Izal, Arde Bogotá, Nil Moliner ou Carlos Sadness entre outros. A sexta edición do festival terá lugar os días 20 e 21 de setembro na contorna fluvial do Río Miño, a carón do Pazo de Feiras e Congresos de Lugo, un espazo natural único que acollerá a milleiros de amantes da música en directo.