Xa están abertas as inscricións para o concurso de creación artística «Corazón de Viana», que forma parte da programación cultural de VIII Capital da Cultura do Eixo Atlántico 2025.
O obxectivo do concurso é incentivar a creación de obras de arte pública, para ser expostas en espazos urbanos, que valoricen, celebren e reinterpreten a tradición de azulexos e bordados de Viana do Castelo.
O concurso pretende estimular a creatividade artística e a investigación sobre o bordado de Viana do Castelo e os azulexos da cidade; promover a valorización do patrimonio cultural local; seleccionar as mellores propostas de intervención artística en espazos urbanos; apoiar proxectos de creación integral de obras contemporáneas de artes visuais que dialoguen coas tradicións artísticas de Viana.
Está dirixido a artistas residentes no territorio dos municipios do Eixo Atlántico do Noroeste Peninsular. Aceptaranse propostas de creación individual ou colectiva, e só se admitirá unha proposta por participante ou colectivo.
Para cada temática, o 1º premio recibirá unha dotación económica de 6.000 euros, o 2º premio 3.500 euros, o 3º premio 2.500 euros, o 4º premio 1.000 euros, o 5º premio 500 euros, e as propostas do 6º ao 10º premio recibirán 300 euros.
As propostas deberán presentarse entre o 22 de xaneiro e o 14 de febreiro de 2025, e os resultados daranse a coñecer o 24 de febreiro. As propostas seleccionadas deberán executarse nunha primeira fase (temática sobre bordados de Viana) o 21 de marzo e nunha segunda fase (temática sobre azulexos) o 5 de maio, permanecendo durante un período mínimo dun ano.