Etiqueta Negra é un dos eventos gastronómicos máis destacados do país
A gastronomía galega é todo un referente e un importante motor da nosa economía. Os nosos produtos son sinónimo de calidade, tradición e autenticidade; produtos de gran calidade artesanal, pero ao tempo contemporáneos e innovadores, elaborados coa mellor materia prima e con sabor auténtico a Galicia; produtos que identifican un territorio, traspasan fronteiras e son demandados nos principais mercados estatais e do estranxeiro.
En Galicia comer sempre é un pracer. Galicia é despensa, pero tamén cociña.
Etiqueta Negra. Gourmet galego e innovación inspiradora reunirá por oitavo ano en Pontevedra e nun mesmo espazo, a profesionais do sector, produtores e consumidores co fin de coñecer as tendencias de mercado, identificar novas liñas de negocio e difundir a excelencia dos produtos delicatessen e gourmet galegos. Será o mellor escaparate para presentar o gran potencial deste mercado, onde a combinación de innovación e comercialización especializada progresa día a día.