Feira Franca é unha feira medieval que se celebra en Pontevedra o primeiro fin de semana de setembro dende o ano 2000, declarada Festa de Interese Turístico no ano 2013. Nesta celebración lémbrase e celebrase o privilexio concedido á cidade polo rei Henrique IV de Castela no ano 1467 para celebrar un mercado libre de impostos dun mes de duración, quince días antes e outros quince despois do 24 de agosto, festividade de San Bartolomé. O que comezou sendo a comezos do século XXI un mercado medieval na praza da Ferraría foi crecendo e converténdose nunha das mellores e máis participativas feiras medievais de toda Galicia. Durante día e medio as rúas da cidade engalánanse para acoller numerosas comidas e ceas, espectáculos de cetrería, postos artesáns e torneos medievais.