Monforte de Lemos é unha cidade de preto de 20.000 habitantes que durante as súas festas patronais case duplica a poboación. As festas na honra á Virxe de Montserrat celébranse entre o 11 e o 16 de Agosto. Durante eses días Monforte énchese de espectáculos musicais e de entretemento en prácticamente todos os espazos da cidade, Praza de España, Río Cabe, Parque dos Condes, Cardeal e explanada da Compañía. É aquí onde se celebran os concertos nocturnos que atraen a multitude de visitantes.
Co festival “A rúa é vosa” a maxia, a música, o humor, as acrobacias enchen as rúas da cidade con propostas para @s máis pequen@s e @s maiores. O día 15 de agosto é o Día da Patroa, a Virxe de Montserrat. Ese día autoridades e veciñ@s reúnense na Casa Consistorial para subir á igrexa de San Vicente e participar da misa e da Ofrenda Floral á Patroa da Cidade. Os actos oficiais contan co acompañamento da Banda de Gaitas e do Grupo de Baile Tradicional, a misa está cantada pola Coral Polifónica do Concello de Monforte. O Día da Patroa tamén se celebra o Día do Gaiteiro, que pretende dignificar a riqueza cultural galega nas súas diferentes expresións. Por este motivo durante a mañá e a tarde grupos de gaiteir@s de diferentes lugares de Galicia realizan pasarrúas e actuacións. O punto e final a esta xornada realízase, ademais de coa verbena e o concerto gratuito dalgún artista/grupo famoso na Compañía, coa sesión de lumes artificiais de ar desde San Vicente. É ás 00.00h da noite cando o ceo de Monforte se enche de cor durante case media hora. Co contorno de San Vicente como escenario de fondo, os lumes de ar atraen cada ano a máis visitantes.