As celebracións dedicadas ao Apóstolo, patrón de Santiago, de Galicia, e de toda España, teñen unha duración aproximada de quince días. Nestas festas conviven a solemnidade relixiosa e oficial, o sabor popular, e a animación, que converten a toda a cidade nun gran festival.
O 24 e o 25 de xullo son os días grandes. A noite do 24 hai un impresionante espectáculo de fogos artificiais en honor ao Apóstolo que se pode ver desde distintos puntos da cidade.
O 25, durante a misa solemne que se celebra na catedral, o Rei ou un delegado da Casa Real fai a tradicional ofrenda ao Apóstolo Santiago. Nesta misa pódese ver o botafumeiro, extraordinario incensario de xigantescas dimensións, balancearse na Catedral perfumándoa e envolvéndoa nun halo místico. O 25 é tamén o día de Galicia, con actos que congregan milleiros de cidadáns galegos na cidade.
Durante esta quincena as actividades culturais destacan pola súa calidade e diversidade. A música de todos os estilos, a danza e o teatro, os pasarrúas, as verbenas… invaden Compostela. A tradicional xuntanza de Bandas de Música de toda Galicia e as exhibicións de traxes tradicionais e bailes folclóricos son outras das citas destas festas, que se pechan o día 31 de xullo con outro espectáculo de fogos artificiais.