As festas de San Cristóbal volven a primeira fin de semana de agosto. O barrio carballés acolle festas, sesión vermú, orquestras, discoteca móbil e a tradicional procesión de vehículos engalanados o domingo día 4. Vehículos de rodas de todo tipo invaden o domingo as rúas de Carballo. Engalanados con flores, plantas e estampas, únense á procesión de San Cristóbal que cada ano anima as festas do barrio e que se deixa sentir en toda a vila. Aínda que todos agardan a procesión do domingo, o sábado comezan as celebracións na honra da patroa dos viaxeiros e dos condutores. O programa do primeiro día inclúe brancos e alboradas con bombas de palenque dende primeira hora; misa solemne na honra da Nosa Señora de Lourdes e Bon Voyage; e despois sesión vermú con orquestra. Pola noite, o festival.
O domingo, xusto despois da misa, será a hora da procesión á que poderá incorporarse calquera vehículo sobre rodas. Moi vistosa e tamén moi ruidosa e alegre, a comitiva percorre as rúas de Carballo nun percorrido que comeza e remata no barrio. E neste segundo día de festa, sesión vermú e pola noite nova verbena.