O recinto feiral Expourense transfórmase unha vez ao ano nun gran centro de restauración coa celebración de Xantar, a principal feira gastronómica da cidade. En 12.000 metros cadrados cubertos recréanse unha vintena de restaurantes de diferentes rexións de España, Portugal e Latinoamérica que ofrecen menús representativos de cada gastronomía local a prezos fixos. Un escaparate de sabores que se converteu, ao longo das súas case vinte edicións, nun punto de encontro dos profesionais do sector turístico e gastronómico, pero tamén para os amantes da boa cociña, cun amplo programa de actividades que inclúe showcookings, catas, degustacións, conferencias, obradoiros didácticos e un longo etcétera.