A ponte dos Tirantes inaugurouse en 1995. Nove anos despois foi seleccionada como unha das 33 pontes máis singulares da historia de España polo Ministerio de Fomento. Trátase dunha obra de Leonardo Fernández Troyano e Javier Manterola que deseñaron unha ponte dun só tramo de 120 metros de lonxitude, unha torre de formigón armado de 63 metros de altura da que saen 17 pares de tirantes, os dianteiros que suxeitan a cuberta, e os traseiros apoiados en dúas bases de formigón sobre terreo sólido, actuando como contrapesos que equilibran os esforzos da torre.
A ponte marca o inicio dos camiños que percorren o río Lérez e chegan á Illa das Esculturas, un lugar de gran beleza natural no que se pode gozar do sendeirismo, da arte e da cultura.