Este arquipélago composto pola illa de Sálvora e outros illotes entre os que destaca unha gran mole granítica (Noro) ou as abruptas Sagres, forma parte do Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas e está catalogado como Zona de Especial Conservación e Ben de Interese Cultural.
Os arquivos remontan as historias de Sálvora á Idade Media. A illa foi campamento base de ataques viquingos e sarracenos, e durante séculos propiedade de autoridades eclesiásticas e da nobreza. En 2007 integrouse no Parque Nacional das Illas Atlánticas xunto aos arquipélagos de Cíes, Ons e Cortegada.
Coa súa paisaxe suave na que predominan praias e dunas xunto a pequenos bloques graníticos (bolos), a illa de Sálvora posúe no seu interior un pazo que noutros tempos foi unha fábrica de secado e salgadura de peixe, coñecida como ‘O Almacén’, e os restos dunha aldea. Separada de terra firme por tan só tres quilómetros, a illa dispón de varios paseos e rutas para descubrir os seus recunchos, a súa historia, o seu incalculable valor paisaxístico e a súa riqueza de flora e fauna.
Este paraíso protexido tamén foi acreditado como destino ‘Starlight’, perfecto para a observación de estrelas.