Baixo a dirección de diversos arquitectos e enxeñeiros militares constrúese no s. XVIII o Arsenal de Ferrol, que se converte nunha das empresas máis difíciles da España da Ilustración e que vinculará a cidade desde entón cos vaivéns da construción naval e as complexas decisións do Estado.
Polas súas funcións militar e industrial, o Arsenal divídese en dous: o Arsenal do Parque, parte occidental, e o Arsenal dos Diques, ambos con senllas portas monumentais. No interior do recinto destacan: a Sala de Armas,pechada polo norte polo Cuartel de Instrución; o Dique da Campá (s. XIX) que foi un dos diques máis grandes do mundo na súa época; o Edificio de Herrerías que acolle o Museo da Construcción Naval; o Museo Naval e a Biblioteca da Zona Marítima do Cantábrico, instalados no antigo cárcere de San Carpio.
O Arsenal está declarado Ben de Interese Cultural.