Máis de cen figuras de barro cocido compoñen o curioso Belén de Baltar. É quizais un dos máis fermosos de Galicia, tanto pola súa composición como pola temática: unha fotografía de Ourense doutra época. Máis aló da temática relixiosa, aquí atopamos os xogos na praza, o fotógrafo ambulante, o traballo no campo, a taberna, o forno, os habitantes dos camiños…

Todas as figuras son obra do artista Arturo Baltar, que o iniciou en 1967 a petición da Asociación de Beléns da cidade. O que nun principio era só o belén tradicional foi medrando ano tras ano con novos elementos, ata que en 1980 decidiuse restaurar a capela de San Cosme e San Damián para albergala definitivamente. O conxunto, que se completa con obras murais de Xaime Quessada e frisos de Virxilio, é a arte ourensá en estado puro.