Trátase da construción militar máis importante de Ferrol. Situado enfronte do Castelo da Palma (en Mugardos) e do desaparecido castelo de San Martiño, as tres fortificacións converteron a Ría de Ferrol en inexpugnable, nun “triángulo de lume” que ningunha potencia inimiga de España se atreveu a atacar. Pola noite, os castelos de San Filipe e A Palma estaban unidos por unha cadea, impedindo así o paso de buques inimigos. Atribúese ao almirante Pitt, a frase de que se Gran Bretaña tivese unha ría como esta, cos seus castelos, protexeríaa cunha muralla de prata.

No ano 1557 comeza a construción do castelo, auspiciada por Filipe II, do que toma o seu nome. Con todo, o edificio que hoxe conservamos é do XVIII, momento no que foi remodelado. As obras maiores do castelo foron rematadas, finalmente, en 1775. No século XVIII San Filipe é considerado como exemplo de “batería abaluartada”.

Este deseño dispuña por unha banda, dunha zona de baterías de canóns dirixidos ao mar, e por outra banda, contaba cun sistema de baluartes -ou muros saíntes- cubrindo os flancos das cortinas (os muros frontais).Estes baluartes servían para rexeitar tamén os ataques por terra.

San Filipe, en constante proceso de restauración, soprende aos visitantes tanto polo seu esquema construtivo como polas fermosas vistas da ría que se obteñen desde a súa localización.