A Catedral de Santiago de Compostela é a obra máis sobresaínte da arte románica en España. É, ademais, a meta final de todos os Camiños de Santiago, que desde hai séculos levan aos peregrinos da Cristiandade cara a tumba dun apóstolo. Por se fose pouco, foi o punto de partida para a construción dunha urbe monumental, Santiago de Compostela, que naceu nun bosque sagrado do Fin do Mundo con vocación de Cidade Santa e Patrimonio da Humanidade.

Hoxe, cun milleiro de anos de existencia vividos ao ritmo da extraordinaria historia compostelá, a Catedral amósase coma un complexo conxunto de espazos duns 10.000 metros cadrados de superficie, capaces de recompensar coa súa potente espiritualidade a fe dos camiñantes e coa súa beleza aos visitantes do mundo.

O antecedente máis remoto da Catedral foi un pequeno mausoleo romano do século I no que se deu sepultura aos restos do Apóstolo Santiago despois da súa decapitación en Palestina (ano 44 d.C) e tralo seu traslado por mar ata as costas do finis terrae. Durante séculos, a cámara subterránea e a necrópole que a rodeaba foron asiduamente visitados por unha pequena comunidade cristiá local, da que pouco ou nada se sabe, pero que debeu ser diezmada arredor do século VIII.

No ano 813 (segundo versións, 820 ou 830) produciuse o milagroso descubrimento das reliquias do Apóstolo baixo a maleza do Monte Libredón. Atopounas un ermitaño que viu alí signos celestiais. Avisado polo bispo de Iria Flavia, o rei astur Afonso II mandou levantar unha primeira capela de pedra e barro xunto ao antigo mausoleo. Este templo recibiu no 834 un Preceptum regio que o convertía en sede episcopal e lle outorgaba poder sobre os territorios próximos. Orredor, buscando a súa protección, comezaron a estabelecerse os primeiros poboadores e grupos monacais de bieitos encargados da custodia das reliquias. Eran os primeiros pasos da futura cidade de Santiago de Compostela.

A primeira igrexa de seguida quedou pequena para acoller aos fieis, polo que entre o ano 872 e o 899 Afonso III O Grande fixo construír un templo maior. Pero esta segunda igrexa foi destruída polo ataque do caudillo musulmán Almanzor no 997. O bispo San Pedro de Mezonzo reconstruíuna en 1003, nun estilo prerrománico. Este terceiro templo estaba aínda en pe cando o auxe das peregrinacións e as riquezas de Santiago, que xa era un dos señoríos feudais máis grandes da Península Ibérica, permitiron comezar a construír en 1075 a catedral románica que hoxey se conserva, carto edificio sagrado sobre o antigo sepulcro.

A Catedral románica
O rei leonés Afonso VI e especialmente o primeiro arcebispo da cidade, Diego Gelmírez, impulsaron de tal maneira a Catedral, a vida urbana e as peregrinacións, que pode falarse do século XII como o de maior esplendor da historia compostelá. Esta vez non se conformaron cun santuario que albergase as reliquias, senón que deseñaron unha gran catedral de peregrinación seguindo o estilo que se estendía polo Camiño de Santiago. Por ela desfilarían os mellores construtores do Románico ata chegar ao Mestre Mateo, autor dos derradeiros tramos das naves, as torres defensivas do oeste, a cripta e, sobre todo, do Pórtico da Gloria, un conxunto escultórico sen igual en Europa que aínda hoxe preside a entrada oeste.

Cando foi consagrada no ano 1211, a Catedral xa gozaba do privilexio da absolución plenaria, outorgado no 1181 polo papa Alexandre III a todo o que visitase o templo nun Ano Santo Xubilar. Tamén concedía aos fieis un valioso documento que acreditaba ter percorrido o Camiño de Santiago e aseguraba o dereito de asilo na cidade. Convertida en meta de salvación da Cristiandade, a catedral evolucionou con tal vitalidade que foi capaz de impulsar a construción de estradas, hospitais, albergues, mercados e burgos enteiros a centos de quilómetros de distancia, nas rutas que transitaban os peregrinos para alcanzala.

Co tempo iríanse engadindo á planta románica elementos góticos, renacentistas e especialmente barrocos, grazas ao incesante fluxo de diñeiro do arcebispado e dos mecenas, que atopaban nas capelas lugar de oración e eterno descanso. Mentres a estrutura das naves se conservou practicamente intacta, o número e espazo das capelas foise adecuando ás necesidades do culto. No convulso século XIV a basílica adquiriría trazas de fortaleza, con torres defensivas como a actual Torre do Reloxo. Co Renacemento, impulsado polo arcebispo Afonso III de Fonseca, ergueuse o claustro definitivo, que substituíu ao claustro románico e modificou todo o lado sur e sueste do templo. Foi época de reformas internas e adición de retablos, púlpitos e esculturas para maior gloria do culto ao Apóstolo.

A maxia do Barroco
A maior revolución estética chegaría ao templo en tempos do Barroco, que comezou en 1660 por transformar o altar maior e a cúpula; para logo dar forma aos órganos, trazar o lenzo da Porta Santa, embelecer a Torre do Reloxo e alcanzar o seu maior esplendor coa culminación, no 1750, da estampa máis icónica da catedral: a súa magnífica fachada do Obradoiro.

Foi tamén obra dos mestres barrocos da Catedral –Vega y Verdugo, Domingo de Andrade, Fernando Casas y Novoa- o trazado definitivo das prazas monumentais que rodean ao templo e de moitos dos edificios colindantes. Ben pode dicirse que o Barroco saltou da catedral ás prazas, aos mosteiros e ás casas nobres, para converter a Compostela na urbe imaxinativa, escenográfica e dramática que hoxe é recoñecida como ‘a cidade barroca por excelencia de España’.

Tras dous mil anos de historia como centro espiritual, e case mil do seu actual edificio, a Catedral preséntase hoxe como un conxunto heteroxéneo de espazos e elementos estéticos que deixan ‘ler’ na pedra a extraordinaria historia compostelá. E é que na súa longa existencia o templo foi escenario de toda clase de episodios sacros e mundanos, que van desde a coroación dos reis de Galicia na Idade Media ata o acuartelamento dos soldados franceses durante a Guerra de Independencia, pasando por séculos de concordias e discordias, exaltacións e linchamentos, conspiracións políticas e esplendor relixioso, ataques incendiarios e custosas campañas de embelecemento, pompa e beneficencia, doazóns e espolios, cobros de prebendas e patrocinios, solemnes ofrendas e, sobre todo, incesantes peregrinacións cara a tumba do Apóstolo.