O Vello Cárcere é un espazo que despois de máis de 130 anos de historia hoxe en día é un lugar fundamental de encontro cultural e social na cidade, acollendo nos seus espazos todo tipo de manifestacións culturais e eventos: exposicións, concertos, obras de teatro, congresos, faladoiros, obradoiros didácticos…
O Antigo Cárcere do Partido Xudicial de Lugo é un fermoso edificio proxectado polo arquitecto Nemesio Cobreros y Cuevillas en 1878 e situado na zona da Mosqueira da Muralla de Lugo (Patrimonio da Humanidade).
Trátase do segundo Cárcere Modelo de España, seguindo os criterios de mellora do primeiro exemplo madrileño. Estaba habitada por homes e por mulleres, quen, a pesar de estar no mesmo recinto, apenas se vían e eran controlados dende o centro dun impresionante espazo circular que se deseñou segundo os postulados do panóptico de Benthan.
O cárcere mantívose en uso desde a súa apertura en 1887 ata o seu peche definitivo en 1981.
Volveu abrir as súas portas como centro sociocultural o 30 de marzo do 2017. Tras un concurso público de ideas convocado polo Concello de Lugo, e enmarcado no Plan Urban, a rehabilitación do edificio contou co 70% de co financiamento da Unión Europea a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER).