A Cidade Vella é unha visita imprescindible para descubrir a historia da Coruña. Son moitos séculos os que viron como evolucionaron as súas rúas empedradas e prazas, e nalgunhas delas parece que o tempo se detivo. Aquí a vida é máis pausada e auténtica. Percorrela e visitar as súas igrexas, casaróns fidalgos, xardíns e praciñas, permitirache coñecer os segredos do noso pasado máis medieval e barroco.
Nela atoparás igrexas nas que o románico alcanza a súa máxima expresión como a Colexiata de Santa María do Campo, a igrexa de Santiago, a de San Francisco, o Convento das Bárbaras ou o de Santo Domingo; percorrendo rúas que lembran os antigos gremios.
Descubrirás edificios emblemáticos como o Pazo Cornide e a sede da Real Academia Galega, antiga mansión familiar da escritora coruñesa Emilia Pardo Bazán. Ou as casas doutras dúas mulleres de renome na historia da nosa cidade: Rosalía de Castro e María Pita, esta última coa súa propia casa museo.
Resultarache un paseo moi agradable, polos seus recunchos cheos de encanto, como a praciña das Barbáras ou a praza de Azcárraga, cheas de tranquilidade, ou o Xardín de San Carlos, no que descansa eternamente o xeneral británico Sir John Moore, cun miradoiro que ten magníficas vistas á baía coruñesa e ao Castelo de San Antón.
Un pasado que abraza o presente con pequenos cafés, tascas e locais cheos de encanto, tendas de anticuarios, talleres artesanais e establecementos con personalidade propia.