Sub Terra Aquae, espazo cloaca romana, é un espazo visitable e accesible situado na parte posterior da sala Porta Miñá, no barrio do Carme, que conserva e difunde un fragmento dunha cloaca romana da antiga Lvcvs Avgvsti. Trátase da única cloaca romana que se conserva e se pode visitar en Galicia, cuxos restos foron localizados no ano 1994.
A cloaca de Lugo sitúase nun dos espazos máis antigos da cidade, xunto a Porta Miñá, e a calzada pola que os habitantes de Lucus Augusti descendían ata o río e os baños termais. Por aquí entraba a vía XIX do Itinerario de Antonino, que comunicaba Lucus con Bracara Augusta (Braga) e Asturica Augusta (Astorga). Ao entrar na urbe por Pórtaa Miñá, a Vía XIX convertíase no Decumanus Maximus, unha das rúas principais que conducía ao foro, na parte alta da cidade, a praza central na que se concentraba a vida política, social e relixiosa da urbe romana.
A restauración e musealización, impulsada desde Alcaldía do Concello de Lugo, forma parte da estatexia europea DUSI Muramiñae: da Muralla ao Miño.